O Goberno de España nega o acceso á Avogacía e á Procuradoría en galego

con3

Sesión do Consello de Goberno da Universidade de Vigo, celebrada o 15 de xuño de 2016. © DUVI

No día de onte a representación do estudantado da Universidade de Vigo pasamos a facer parte do Consello de Goberno, por ser a primeira sesión deste órgano colexiado que se celebrou após o Claustro onde fomos eleitos; no meu caso, baixo a marca electoral -REDE (Representantes de Estudantes)- que coordino.

Así, solicitei a palabra para defender unha proposta a respecto da negación do Goberno de España -co recente aval do Tribunal Supremo- de ofertar nas linguas cooficiais dos distintos territorios e nacións do Estado a proba de acceso ás profesións da Avogacía e da Procuradoría dos Tribunais, alcanzando o compromiso do Reitor e da Secretaria Xeral de levar a cabo as tres reivindicacións postas de manifesto.

A seguir inclúo o teor literal da intervención:

Moitas grazas Señor Reitor,

Como saben, no ano 2006 aprobóuse a Lei 34/2006, do 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións de Avogado e Procurador dos Tribunais; lei que foi complementada polo Real Decreto 775/2011, do 3 de xuño, polo que se aprobou o Regulamento que a desenvolve.

Así, o artigo 17.1 do citado Regulamento di que “Las evaluaciones para el acceso a la abogacía y para el acceso a la procura serán únicas e idénticas para cada profesión en todo el territorio español.”. Isto é manifestamente inconstitucional.

A Constitución española, no seu artigo 3.2, recoñece os dereitos lingüísticos daqueles territorios e nacións que teñen lingua propia; e no noso caso, o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía recoñece que a lingua propia de Galiza é o galego, e ademáis di que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

Pois ben, a Sala 3ª do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, en sentenza ditada o 25 de febreiro de 2016, vén de desestimar o recurso presentado pola Asociación de Xuristas en defensa da Lingua Propia, no sentido de ver recoñecidos os dereitos lingüísticos nas probas de acceso á Avogacía e á Procuradoría; negando así o dereito -como mínimo- de Galiza, Euskal Herria, Catalunya e da Comunidade Valenciana.

Eu hoxe non lle vou pedir que esta Universidade vaia pleitear, pero sí que lle fago a seguinte proposta, para que a Universidade de Vigo se dirixa á Xunta de Galiza, ao Ministerio de Xustiza e á institución do Valedor do Pobo, para facerlle chegar o noso máis enérxico rexeitamento a este fallo xudicial, pola vulneración dun dos dereitos fundamentais que nos asisten como galegas e galegos; que nos asisten, en definitiva, como pobo.

Por todo isto, propoño:

1.- Que a Universidade de Vigo solicite á Xunta de Galiza un posicionamento a este respecto, conminándoa a dar cumprimento ao artigo 5 do Estatuto de Autonomía, na súa obriga de garante do uso normal do galego en todos os planos da vida.

2.- Que a Universidade de Vigo plantexe ao Ministerio de Xustiza, en cumprimento do artigo 17.4 do Real Decreto 775/2011, a necesidade de ofertar tamén en lingua galega as probas de acceso á Avogacía e á Procuradoría.

3.- Que a Universidade de Vigo se dirixa á institución do Valedor do Pobo, como alto comisionado da nosa democracia parlamentar, no ánimo de que tutele os devanditos dereitos lingüísticos que se están a ver vulnerados dende o ano 2011, coa entrada en vigor do Regulamento que desenvolve a Lei de acceso á Avogacía e á Procuradoría, e que se vén de confirmar coa antedita sentenza do Tribunal Supremo.

Dar cumprimento a esta proposta, en tanto que a súa Universidade oferta o Mestrado habilitante para as profesións das que estou a falar, é unha obriga -alomenos moral- do seu goberno; do que agardo toda colaboración.

Nada máis. Moitas grazas.

Por qué non me vale este Valedor?

Ao fío da comparecencia do Sr. José Julio Fernández (Valedor, en funcións) no Pleno do Parlamento galego creo que vai sendo hora de abrir un debate ben interesante, estruturado nas dúas mentiras fundamentais que arrodean a institución do Valedor do Pobo.
Galiza, coma moitas outras nacións e territorios do Estado ten unha institución propia que debe ser garante da defensa dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas constitucional e internacionalmente recoñecidas que corresponden á cidadanía galega: o Valedor do Pobo.
A situación que se vén dando no seo da institución é tan dramáticamente sinxela que ten un pronto resumo: non hai Valedor. Legalmente, non hai Valedor. Cando o Sr. Benigno López dimitiu ocorreron unha sucesión de renuncias dos Vicevaledores primeira e segundo a encabezar a institución, polo que acabou sendo Valedor -sempre en funcións- o Vicevaledor terceiro, o Sr. Fernández.
Até aquí a sucesión dos feitos é clara. Cal é o debate entón? Pois o debate vén dado pola situación de limbo legal que rexe nesa institución. O Grupo Parlamentar do PPdG rexistrou hai dous anos unha Proposición de Lei de modificación da estrutura do Valedor do Pobo, para a súa tramitación parlamentar polo trámite de urxencia; sendo xustificada esta urxencia pola situación de interinidade na que se atopaba xa naquela altura o Sr. Fernández, aproveitando aqueles pasos para a reorganización eficiente da estrutura da institución do Valedor do Pobo. Primeira mentira.
A vontade do Partido Popular, plasmada no Informe CORA, para a reforma das Administracións Públicas, que encargou o Goberno Rajoy, é a de suprimir o Valedor do Pobo, propoñendo a asunción plena das competencias deste polo Defensor del Pueblo do Estado; todo isto en aras do aforro no orzamento galego, que se vería incrementado para outras partidas ao non ter que soster unha institución duplicada. Segunda mentira.
Chegados a este punto só fica desmontar as mentiras e aclarar a situación da institución, que non é outra que a preconstitución da proba desexada polo Partido Popular para chapodar unha Valedoría que atende sobre 22000 expedientes de queixas de cidadáns e cidadás ao ano, baixo o principio da territorialidade.
A Lei do Valedor do Pobo dí que se iniciará no prazo dun mes o procedemento de elección dun novo Valedor. O Sr. López dimitiu en Maio do 2012 e non se iniciou polo Parlamento -no que o PPdG ostenta a maioría- o procedemento para designar novo Valedor ou Valedora do Pobo, polo que se está a conculcar a lexislación vixente. Mais, logo da aprobación da Lei de modificación da estrutura do Valedor, a que rexe é esa Lei, non? Pois non, non rexe, porque a modificación establece na súa Disposición Derradeira Segunda que a Lei entrará en vigor ao día seguinte da toma de posesión no seu cargo dun Valedor do Pobo titular, e temos un Valedor que leva en funcións dous anos cando a Lei prevé non máis dun mes porque o Partido Popular non quere iniciar os trámites de novo nomeamento.
E isto lévame á segunda mentira: o aforro. A Lei do Valedor do Pobo establece que o titular estará auxiliado por ata un máximo de tres Vicevaledores, como era o caso até o momento da dimisión do Sr. Benigno López; estando o persoal ao servizo do Valedor sometido ao cadro de persoal do Parlamento galego. Coa Lei de modificación da estrutura do PPdG, publicada no DOG e no BOE mais en vacatio legis sine die, elimínanse as Vicevaledorías ofrecendo un maior aforro, e pola contra, na mesma Lei, créanse as figuras do adxunto ao Valedor, da Secretaría Xeral -ligada ao Adxunto- e dos catro asesores adscritos á oficina do Valedor; polo que é pouco críbel a teoría do aforro que emana desa brillante Subcomisión de Duplicidades da CORA.
A realidade, en síntese, é que temos ao Vicevaledor 3º -figura inexistente na reforma legal do PPdG- facendo as funcións de Valedor do Pobo, quen tiña que ser nomeado hai case dous anos polo Parlamento galego -que domina o PPdG-, que ademáis está incumprindo a Lei da institución por non ter Vicevaledores -en aras dun aforro virtual- mais que sí ten asesores na súa oficina -cumprindo coa reforma estrutural que aínda non entrou en vigor-, actuando, case, en fraude de lei.
Dixo naquela altura o Deputado Alfredo Suárez Canal que a tramitación da modificación da Lei do Valedor do Pobo era a representación dunha película, unha caricatura da democracia. Eu, hoxe, con todo o que está a pasar, así o creo.

16/06/2014

Publicado como artigo de opinión nos dixitais PontevedraViva, Praza Pública e Sermos Galiza.