Dicir o indicíbel no Museo de Pontevedra (II): o expurgo de documentación. Antecedentes

Como temos comentado en moitas ocasións en diversos foros, a Biblioteca e o Arquivo documental do Museo de Pontevedra sufriron un proceso de destrución de documentos, baixo a apariencia de expurgo, no ano 2012.

Debemos sinalar que o expurgo é unha fórmula de identificación e selección de series de documentos que, polas razóns técnicas que se estimen, procede a súa eliminación do fondo de orixe, pasando a outras institucións culturais análogas mediante intercambio, doazón, ou similar, por acordo do órgano colexiado encargado da súa valoración; ou no caso dun estado de conservación insalvábel, a súa destrución. Non obstante, do que pasou no Museo de Pontevedra non hai actas nin acordos, nin sequera se informou á Administración autonómica da proposta de expurgo, polo que, en puridade, non podemos falar de expurgo senón de destrución documental.

Para confirmar esta información dirixín unha solicitude de información pública á Secretaría Xeral da Deputación provincial de Pontevedra, o 29/03/2019, ao ser a institución que tutela o Museo -ilegalmente, engadirei-:

“O solicitante desexa obter copia dos seguintes documentos:

(1) Resolución presidencial do 19/01/2012, referida á creación da “Comisión mixta formada por persoal do Servizo de Patrimonio documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra e o OAL Museo de Pontevedra para levar a cabo as funcións de unificación e integración de arquivos e bibliotecas”.

(2) Informe da bibliotecaria do OAL Museo de Pontevedra, [Nome e apelidos que omito, por decencia], do 24/02/2012, propoñendo un “proceso técnico de expurgo de certos fondos”.

(3) Documento adxunto ao anterior informe, que recolle un listado exhaustivo das publicacións obxecto de expurgo.

(4) Resolución presidencial do 01/03/2012, ditada pola presidenta executiva do OAL Museo de Pontevedra, [Nome e apelidos que omito], autorizando o proceso de expurgo da Biblioteca do OAL Museo de Pontevedra.”

E nunca máis. A Deputación deixou que actuara a negación mediante silencio, ata que contra el recorrín á Comisión de Transparencia de Galicia, o 28/05/2019.

O Comisionado autonómico admitíu a trámite a solicitude, recordándolle á Deputación que debe responder as solicitudes que se lle formulan e pedíndolle a documentación indicada, da que só achegan a (1) Resolución presidencial do 19/01/2012.

“[…] A pesar de que a Deputación Provincial de Pontevedra non remitíu o informe sobre a reclamación solicitado, senón que simplemente se limita a remitir copia do expediente, dos documentos remitidos se deduce que da documentación solicitada polo interesado únicamente se puido atopar a Resolución presidencial de creación da Comisión mixta, non constando nin na Deputación Provincial de Pontevedra nin no Museo de Pontevedra [o resto da documentación], a pesar de que o reclamante fai constar as datas dos documentos solicitados, o que debería facilitar a súa localización.”

Como resultado da Resolución da Comisión de Transparencia de Galicia a Secretaría Xeral da Deputación remitíume un Oficio coa devandita Resolución (1), xa que “non consta nos seus arquivos expediente ningún posterior ao ditado da Resolución Presidencial do ano 2012 […]”.

CONTINUARÁ…

Os profetas do Museo: do Prado a un almacén

[Publicado no Diario de Pontevedra do 06/12/2016, p.11]

      Que as esculturas dos profetas Enoc e Elías -obras do enigmático taller do Mestre Mateo- son dúas das pezas máis valiosas do Museo de Pontevedra non se pode pór en dúbida; porén si se pode augurar o seu futuro: irán de volta ás caixas das que saíron para viaxar á mostra Mestre Mateo no Museo do Prado, aberta ata marzo de 2017 en Madrid.

      Podería darse o caso de que o público xeral quixera contemplalas ao seu regreso, mais tería que ser nese preciso instante cando alguén dera conta do que paso a relatar:

      O 21 de agosto de 2013, logo de varios anos de obras de rehabilitación, inauguróuse o novo Edificio Sarmiento, que xunto co Sexto Edificio formaban a última ampliación do espazo museístico pontevedrés. Aquí establecéronse as coleccións de arqueoloxía, epigrafía romana, alta Idade Media, Románico, a cerámica -Sargadelos, Pontecesures e cerámica española-, así como o legado Sánchez Mesas – Fernández de Tejada, cuxa colección está composta de pezas de arte contemporánea española e arte asiática-oriental.

      Un ano despois a Deputación Provincial presidida por Rafael Louzán decidiu que as pezas da exposición permanente no Edificio Sarmiento -entre as que se atopaban as dúas esculturas de profetas do Mestre Mateo- foran embaladas e gardadas nos almacéns para montar uns paneis interactivos no seu lugar.

      “No es un cambio, se trata de aprovechar fondos europeos para vincular los hallazgos de los castros del Deza con el Museo de Pontevedra, y exponerlos de forma didáctica” dixera naquela altura a comisionada na área de Cultura da Deputación, Ana Isabel Vázquez; e para iso incorporaron a primeira planta do Edificio Sarmiento ao Proxecto DepoDeza, no que o goberno de Louzán se beneficiou de máis de 1.200.000 euros que non foron destinados á finalidade perseguida: o Centro Virtual da Cultura Castrexa no Pazo de Liñares de Lalín; cuxa incorporación conlevou a correspondente adscrición do espazo museístico ao ente provincial Turismo Rías Baixas.

      Isto é o que explica a retirada das pezas arqueolóxicas e a posterior recolocación de parte delas nas salas do Sarmiento sen o máis mínimo control do arqueólogo do Museo, nin do demáis persoal técnico. Non se fixo porque si, nin se retiraron as pezas por algún criterio de conservación ou para a súa posterior recolocación. Fíxose porque a Deputación Provincial, no que, baixo o meu punto de vista, semella unha práctica fraudulenta, concorreu a unha axuda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) sabendo que non ía poder levar a cabo o proxecto que se plantexaba.

      Cabe dicir que o goberno provincial que sucedeu a Louzán e que situou ao veterano deputado provincial socialista -Santos Héctor Rodríguez- no Palacete das Mendoza, á fronte de Turismo Rías Baixas, fixo caso omiso a todo o anterior. Tampouco se coñece ningunha opinión ao respecto do deputado sucesor de Ana Isabel Vázquez, o nacionalista Xosé Leal, quen na súa condición de responsábel político do Museo de Pontevedra pouca atención presta a un conflito competencial que provoca a absoluta invisibilidade técnica perante un problema político de fondo calado.

      Así, sabemos certamente que Enoc e Elías volverán do Museo do Prado ao Museo de Pontevedra. Volverán en absoluto silencio, expectantes, coa incerteza de verse de novo expostos no Edificio Sarmiento algún día, dando sentido ao descurso museográfico que se tiña planificado nos seis edificios do Museo, antes de que a ignorancia que enchía a planta nobre do Pazo provincial decidira eliminar a autonomía dun dos mellores centros de arte, investigación e transferencia de coñecemento do Estado español.

      Con todo, a Corporación provincial mudou para que (case) non mudara nada no Museo. Seguimos como daquela. Nova presidenta. Novo vicepresidente. Novos deputados e deputadas provinciais. Un director ao que se lle “devolveron as funcións”… Pero alguén viu unha nota de prensa, unha foto, unha publicación de Facebook ou un chío en Twitter onde se faga publicidade de que o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, viaxou á inauguración da exposición que conseguíu recoller nunha soa mostra as marabillas do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, incluídos os nosos profetas?

      Pois así todo.

Ernesto Vázquez-Rey

Secretario xeral de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra