A imaxe máis antiga do Pazo de Lourizán

E para festexar o Día Internacional dos Arquivos 2020 que mellor que descubrir unha imaxe, neste caso do primixéneo Pazo de Lourizán ou Granxa da Serra, como aínda se coñecía naquel momento.

A imaxe, da autoría do fotógrafo verinés Francisco Zagala, e da que se conserva unha copia no arquivo gráfico do Museo de Pontevedra, mostra o estado do inmoble entre os anos 1881-1886 e recolle o estado que tiña a granxa nos primeiros anos despois da súa compra por Eugenio Montero Ríos. Na fotografía obsérvase a gruta dos espellos, aos pés do Pazo, recén construída e aínda cercada ás visitantes, así como a construción dos muros de contención dos diversos parterres. Tamén se aprecia a inexistencia das estatuas de mármore na súa ubicación inicial, na chamada Avenida de las estatuas, ao longo do primeiro camiño que atravesa por riba da gruta dos espellos. Por último, outro elemento que axuda na datación da imaxe é a galería, que xa en 1887 estaba ampliada cara o Norte, rodeando a fachada do Pazo, en forma de “L”.

Esta fotografía foi catalogada tradicionalmente como a Escuela Agrícola de la Caeira, proxecto emprendido pola Deputación Provincial de Pontevedra nuns terreos cedidos polo marqués de Riestra entre A Caeira e O Bao, por isto pasou desapercibida ata que recentemente o investigador Ernesto Vázquez-Rey conseguíu darlle o seu verdadeiro significado, comprobando que incluso a propia Deputación tiña publicada a imaxe sen percatarse de que o que representaba era a antiga Granxa da Serra de Lourizán e non a referida Escola Agrícola.

Unha explicación máis detallada sobre este importante achado será obxecto de publicación próximamente nun artigo científico, asentando as investigacións levadas a cabo por diversas autoras -principalmente BARRECHEGUREN FERNÁNDEZ, DEL PRÉSTAMO LANDÍN e VÁZQUEZ-REY– sobre a base do traballo previo de FERNÁNDEZ DE ANA MAGÁN e ÁLVAREZ FERNÁNDEZ, e as descricións de LÓPEZ OTERO.

Los comentarios están cerrados.