Dicir o indicíbel no Museo de Pontevedra (IV): O Informe da bibliotecaria

Se o domingo pasado era a quenda da listaxe de títulos expurgados no Museo, hoxe tócalle ao Informe de M.J.C.A., bibliotecaria da institución, que decidíu pola súa conta abrir un “proceso técnico de expurgo dos fondos” que ademáis había ser temático.

Esta señora decidíu “cargarse”:

  • Prensa diaria, galega e non galega, algunha na súa totalidade e outra só a partires de 1960.
  • Títulos duplicados.
  • Exemplares non orixinais.
  • Literatura infantil.
  • Comics.
  • Libros de texto escolares.
  • Enciclopedias xeneralistas.
  • Anuarios de prensa.
  • Informes económicos.
  • Directorios.
  • Memorias de distintas institucións e empresas.
  • Publicacións de carácter científico actuais.
  • Diccionarios non actualizados.
  • Invitacións.
  • Tarxetas.
  • Programas de cursos.
  • Propaganda electoral.
  • Axendas.
  • Títulos de publicacións periódicas de carácter xeneralista ou que non se adecúan á temática do centro.
  • Materiais cun grao de deterioro irreversible.
  • E, en xeral, publicacións que técnicamente se consideren non adecuadas.

A este respecto, cabe ler entre liñas o sesudo Informe de M.J.C.A., porque onde di -por exemplo- “publicacións que non se adecúan á temática do centro” está falando das Interviú que ingresaron no Museo coa colección persoal de Antonio Odriozola, e que as pontevedresas pagaron con cartos públicos e na que ingresaron títulos especializados do máis variado, así como papeis e notas das investigacións do propio Odriozola.

Informe expurgo

Como verá a persoa lectora, o Museo ten en plantilla a persoas desubicadas da súa realidade laboral que, por riba, obvian a lexislación en materia de patrimonio cultural -traballando nun Ben de Interese Cultural, que hai que botarlle valor!- e que se cren Juan Palomo: aquí, ela informa e ela expurga -destrúe, falando con propiedade-, sen dar máis parte que ao director de xestión, individuo que, como dixemos, respondía ás iniciais de J.L.M..

Para que informar á Consellaría de Cultura? Para que atender á Lei do Patrimonio Cultural de Galicia? Que tontería! Se só son papeis vellos! -pensaría ela-.

O mellor é que esta grande xesta, da que máis dunha deberá responder máis cedo que tarde, non era un acto illado; que va! Formaba parte dun tinglado instigado polo xefe do Servizo de Patrimonio documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, pero esa movida xa a contarei.

CONTINUARÁ…

Los comentarios están cerrados.