Dicir o indicíbel no Museo de Pontevedra (III): Lista de títulos expurgados

Contaba hai uns días como cheguei a confirmar a destrución documental no Museo de Pontevedra, baixo a apariencia dun expurgo, do que -a priori- non quedou rastro, e hoxe paso a facer pública a relación de publicacións que no mellor dos casos acabaron completando as coleccións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, mentres que a maioría se tiraron a un contedor de obra a plena luz do día.

Nun documento titulado “Expurgo de documentación no O.A.L. Museo Provincial de Pontevedra” asinado o 01/02/2012 por J.L.M., daquela director de xestión do Museo, detállanse as máis de vinte publicacións periódicas que se eliminaron, así como centos de caixas e carpetas con libros, revistas, monografías e traballos dos concursos escolares, almacenados nos Edificios García Flórez e Fernández López.

Era preciso gardar todo isto? Pois primeiro deberiamos saber en detalle que títulos e en que número foron eliminados das coleccións do Museo, pero ademáis, esta selección debería ter sido realizada por unha Comisión de selección e valoración documental, con intervención directa da Xunta de Galicia, xa que o Museo de Pontevedra é un conxunto declarado Ben de Interese Cultural e polo tanto, todo o que a el se vincula, incluídas -por suposto e especialmente- as súas coleccións forman parte do Patrimonio español -dende a aprobación da Lei do Patrimonio Histórico Español en xuño de 1985- e do Patrimonio cultural galego – xa dende a Lei de 1995 do Patrimonio cultural de Galicia-.

De todos estes movementos do noso patrimonio cultural non existen actas nin resolucións, segundo a confirmación oficial do propio Secretario Xeral da Deputación Provincial de Pontevedra, polo que serán os Tribunais de Xustiza e as Administracións competentes as que deban avaliar o grao de infracción na xestión do público.

O documento vaia se existe! e produce bastante carraxe, dito sexa de paso:

O asinante desta aberración, J.L.M. chegou ao Museo da man do expresidente provincial “popular” Rafael Louzán, o que no seu momento foi público e notorio, e aínda que a súa “xefa” directa, a tamén “popular” Ana I. Vázquez Reboredo, acabaría no cargo de directora-xerenta da Fundación Cidade da Cultura, este non chegou a xerente de Fexdega.

A vida é longa e seguro que este home aínda pode dar o mellor de si.

CONTINUARÁ…