A usucapión polo Estado español do Museo Cerralbo, logo de ser intervido ‘manu militari’ na posguerra civil, a propósito da sentenza da Audiencia Provincial de Madrid, do 18 de decembro de 2007

O 18 de decembro de 2007 a Sección 25ª, do Civil, da Audiencia Provincial de Madrid ditou sentenza sobre o procedemento núm. 579/2007, no que se analizou a declaración de dominio a favor do Estado, do Palacio do marqués de Cerralbo, por prescripción adquisitiva extraordinaria.

Este inmoble, que fora intervido manu militari pola Administración central na posguerra civil española, pasou a ser propiedade do Ministerio de Cultura, establecendo como cómputo para o inicio da posesión do Estado durante a Ditadura.

Nese sentido, o Tribunal lexitima os botíns de guerra, ao facer expresa referencia a unha sentenza do Tribunal Supremo, do 25 de xaneiro de 2007, que di “[…] ni es imaginable pensar que las trágicas circunstancias de una guerra civil y su posguerra hagan violenta o por la fuerza una posesión contra la que no se reclamó por el demandante hasta el año 1997 […]“, invisibilizando a dramática situación do espolio sufrido polas persoas que foron acusadas de republicanas, ou de colaboracionistas co lexítimo réxime constitucional da II República española, e o clima de submisión social instaurado en España dende o alzamento militar de 1936 ata despois do pasamento do ditador Franco -en 1975- e a instauración do novo réxime política de Monarquía parlamentaria, en 1978.

O Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña vén de publicar un comentario de xurisprudencia da miña autoría, xunto con Ángel Arcay, onde concluímos na necesidade de que dende os poderes lexislativo e executivo se formulen -respectivamente- proposicións ou proxectos de lei que traten a forma de investigar e revertir os espolios cometidos no período antes sinalado, e que deixaron a centos de familias en situación de desamparo xurídico, aínda cando o Estado español pasou -formalmente- dunha Ditadura a un sistema democrático.

O comentario completo da sentenza pódese consultar aquí.
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close