A memoria histórica no Estado español: entre o dereito de graza e o dereito positivo, a propósito dunha sentenza do Tribunal Supremo do 13 de marzo de 2017

O 28 de febreiro de 2017 tivo lugar a votación e fallo do recurso contencioso-administrativo nº 4266/2016, presentado polos letrados Baltasar Garzón, Manuel Ollé e Eduardo Ranz polo procedemento especial de protección xurisdicional dos dereitos fundamentais da persoa, en defensa do dereito de petición -prescrito no artigo 29.1 da Constitución española-, ao terse sobrepasado o límite de tres meses por parte do Consello de Ministros para contestar, e notificar a contestación, á petición formulada con anterioridade polos letrados, que se sustentaba no seguinte:

1. A anulación do Decreto do 1 de abril de 1940 e do Decreto-Lei do 23 de agosto de 1957, sobre o monumento para perpetuar a memoria dos “caídos”.

2. A aprobación dunha disposición de carácter xeral que estableza un novo marco xurídico polo cal teña que rexerse o Val dos Caídos, e a institución que o dirixe, os seus bens e cantas outras relacións e situacións xurídicas poidan verse afectadas.

3. A nova normativa debe incluir a transformación do Val dos Caídos nun espazo de memoria onde as vítimas da guerra civil e a ditadura e os seus familiares, así como a sociedade no seu conxunto, poidan exercitar o seu dereito á verdade e á reparación.

4. O traslado dos restos de Francisco Franco Bahamonde e de José Antonio Primo de Rivera e Sáenz de Heredia ao lugar que designen as súas respectivas familias.

5. A dotación económica suficiente a cargo do Estado, para a exhumación e identificación dos restos das vítimas inhumadas no lugar, previa solicitude ao efecto.

6. Convocatoria dun acto público na sede parlamentar para que a autoridade competente do Estado pida perdón ás vítimas do franquismo e aos seus familiares.

7. Adoptar as medidas oportunas para que a Comisión á que se refire o Real Decreto 663/1984, do 25 de xaneiro, cumpra o seu cometido no marco da actual regulación vixente, introducida pola Lei da Memoria Histórica.

O Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña vén de publicar un comentario da miña autoría no que analizo a sentenza ditada no citado procedemento (nº 429/2017) facendo fincapé na inadecuación do cauce procesual utilizado para esixir o cumprimento dos pedimentos indicados. Na miña opinión, os letrados deberían ter esixido a aplicación da Lei 52/2007, comunmente denominada da Memoria Histórica, e non iniciar o procedemento recollido na Lei Orgánica 4/2001, reguladora do Dereito de Petición, xa que implica apelar a unha facultade discrecional da Administración, que non ten obriga de acoller o que se pide, como ten declarado reiteradamente o Tribunal Supremo na súa doutrina.

O comentario completo pódese consultar aquí.

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close