Dicir o indicíbel no Museo de Pontevedra (I): a desaparición do Villafínez

Chegou o día.

Este artigo pretende ser o primerio dunha serie de catastróficas desdichas que ocorreron no Museo de Pontevedra por indicación dos políticos que rexentaban o sitio, co seu mellor criterio de superioridade xerárquica, e coa colaboración dalgúns técnicos que, buscando o seu propio beneficio, sacrificaron o interese xeral e, de paso, o noso patrimonio cultural.

Este 18 de maio, Día Internacional dos Museos, o ICOM (International Council of Museums) proponnos un lema para que contemos a nosa historia.

“Museos e historias controvertidas. Dicir o indicíbel en Museos”

0001Os tabús están habitualmente cubertos por un manto de silencio e, as máis das veces, abordar estes temas é extremadamente complexo. Como nos din dende o ICOM “la idea ha sido muy bien restituída en el cartel 2017: destaca lo que no se dice o lo que no puede ser dicho fácilmente. Invita sobre todo a romper las cadenas del silencio para liberar las voces y apaciguar las conciencias compartiendo conocimientos entre el público y el Museo“.

E é precisamente ao que veño disposto, a desvelar historias escondidas e a expoñelas á luz pública co fin de darlle algunha explicación.

Hai aproximadamente dous anos desapareceu un cadro no Museo de Pontevedra, e ninguén dixo nada.

En 2015 un perfil anónimo na rede social Facebook achegóume unha serie de datos, dando por efectiva a desaparición da obra de Villafínez, indicándome a falta de gravacións que deitaran luz sobre o suceso. Cabe sinalar que naquela altura o director do Museo, Carlos Valle, estaba “limitado” no exercicio das súas funcións por un director de xestión nomeado pola deputada provincial que hoxe dirixe a Cidade da Cultura de Galiza, ao tempo, responsábel política do Museo.

O certo é que alguén, valéndose dunha colaboración estratéxica, sacou unha paisaxe do pintor Lino Martínez Villafínez dunha das paredes do sexto Edificio e esa obra, que é pública e que ten a protección de Ben de Interese Cultural, nunca máis volveu aparecer.

Abrollan as preguntas, para as que tristemente eu (aínda) non teño respostas.

O que teño son simples conxeturas que semellan evidencias: poidera ser que alguén aproveitara o cambio de goberno da Deputación Provincial para agochar no propio edificio, ou sacar ao exterior, unha obra de valor económico menor e pouco volume. Quizáis non haxa gravacións de seguridade, porque algunha persoa con poder suficiente, daquela, dera orde de eliminar as mesmas. E incluso, podería darse o caso de que participasen na trama de desaparición do cadro outras persoas. Actores ou actrices dispostas a representar un particular asalto cultural.

Está claro que nunca é bo momento para anunciar que desapareceu algo, pero non se pode ser transparente e xestionar o público dilixentemente sen intentar que as inxustizas sexan reparadas e que aquelas persoas que fosen responsábeis asuman as consecuencias dos seus actos.

Na vida, como na arte, non hai valor se non hai verdade, e é o único que precisamos para saber quen roubou o Villafínez.

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close