A UVigo, a favor da representación do estudantado no Consello Galego de Universidades

Dendecg3 a reforma da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, considerei unha inxustiza que o estudantado non estivera representado no órgano de coordinación e planificación do SUG, por isto, impulsei a aprobación dunha declaración institucional polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo, na súa sesión do pasado 7 de febreiro, a fin de que esta fose a primeira institución en apoiar a inclusión do estudantado no Consello Galego de Universidades.

O reitor, Salustiano Mato, deu lectura ao texto aprobado, que literalmente di:

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOBRE O APOIO Á PARTICIPACIÓN DO ESTUDANTADO
NO CONSELLO GALEGO DE UNIVERSIDADES

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do artigo 31 do seu Estatuto de Autonomía, aprobado pola Lei Orgánica 1/1981, asumíu a competencia plena sobre a regulación e administración do ensino en todos os niveis, graos, modalidades e especialidades; na que se integra o ensino universitario como última etapa do desenvolvemento académico.
A Universidade de Vigo é unha entidade pública, con personalidade xurídica de seu dotada de autonomía, en base ao artigo 27.10 da Constitución española, cuxo fin é prestar o servizo público da educación superior mediante a investigación, a docencia e o estudo; tal e como veu a establecer o artigo 1 da Lei Orgánica 1/2001, do 21 de decembro, de universidades.
Do mesmo xeito, a Constitución española veu a recoñecer, no seu artigo 27.7, o dereito do estudantado -con carácter xeral- a intervir no control e xestión das institucións do sistema educativo financiadas con fondos públicos, recollendo no artigo 27.5 a participación efectiva de todos os sectores afectados na programación xeral do ensino, como elemento da realización do dereito á educación.
Así, no marco do Espazo Europeo de Educación Superior, a participación do estudantado, a necesidade de coñecemento dos principios xerais de autonomía universitaria, da liberdade de cátedra e da responsabilidade social na rendición de contas das universidades foi subliñada na sinatura en Boloña da Magna Charta Universitatum en 1988. Tamén facendo recoñecemento expreso do papel do estudantado na xestión pública da educación superior, como recolleu a Conferencia Ministerial de Berlín, en 2003.
Por isto, a Universidade de Vigo quere amosar o seu firme compromiso coa participación do estudantado nos órganos de goberno e apoiar ás persoas que exercen a súa representación, á fin de acadar a súa inclusión no Consello Galego de Universidades, a través da oportuna modificación do artigo 58.1 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Galego de Universidades; incorporando a representación do estudantado universitario aos seus membros.

Pronto será trasladada ás Universidades da Coruña e Santiago de Compostela para que estas tamén a refrenden e fagamos, entre todas e todos, un pouco máis democrático o Sistema Universitario de Galiza, a comezar polo Consello Galego de Universidades.

 

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close