Criterios de cátedras na UVigo, si. Por qué?

Díxeno onte na quenda de réplica durante o debate do punto 6 da orde do día: Aprobación, se procede, do Procedemento e criterios de selección de áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas de promoción interna a Catedrática/o de Universidade no ano 2016.

Non ía intervir, pero vinme directamente interpelado como un dos estudantes delegados na Comisión de Organización Académica e Profesorado e así dixen que non entraba nese debate para facer o papel de Primo de Zumosol da vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Ana Graña, senón para defender a postura do estudantado na COAP:

Os dous estudantes membros da COAP -Paula Rivera e eu mesmo- non quixemos apoiar a comisión de ningún ilícito penal nin administrativo, ao non atender aos criterios tomados  no proceso de promoción de cátedras de 2012; porén apoiamos a adopción de novos criterios, entendendo que calquera destes non son bos ou malos per se, senón que sempre van beneficiar a alguén e perxudicar a algunha outra persoa.

Dito isto, no debate alegáronse dous conceptos para xustificar o mérito e a capacidade: a data de acreditación a catedráticos/as e á excelencia académica.

Con respecto á data de acreditación; é moi probábel que haxa profesorado titular de universidade con máis mérito e capacidade que pre-cátedros/as máis veteranos/as, polo que a data de acreditación, en si mesma, só asegura unha orde no ingreso ao corpo de catedráticos/as, pero non indica ningún tipo de excelencia académica, nin docente nin investigadora.

Con respecto á selección das áreas de coñecemento; ninguén renuncia á ratio 4/1 (de profesorado titular en relación a catedráticos/as en cada área), se ben é certo que actualmente ese número está en máis de 7, polo que é preciso favorecer a promoción ascendente entre as áreas máis desequilibradas, que neste momento son as áreas medias e grandes.

Polo tanto, respectando e asumindo o dereito de todo o profesorado titular de universidade a promocionar ao corpo superior en condicións de igualdade, neste momento os criterios son os que favorecen esa equiparación entre todas as áreas da Universidade de Vigo; e dentro disto establécese unha prelación de criterios de desempate como o criterio de paridade de xénero, por exemplo.

Cabe dicir, por último, e en resposta ao Profesor Vallejo, un dos que fora seleccionado para a promoción do 2012 e que me interpelou directamente, que a COAP barallou incluso máis criterios que finalmente non se introduciron, como o da reserva dunha porcentaxe de cátedras para profesorado con discapacidade; se ben, polas circunstancias actuais, podería ser obxecto de mala interpretación.

g5
Sesión do Consello de Goberno, 16/12/2016. (DUVI)

Ademáis, na propia sesión do Consello de Goberno, aprobamos a nova Normativa de permanencia e progreso do estudantado nas titulacións oficiais de grao e mestrado, así como o Proxecto de Orzamentos para 2017, onde a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación terá un total de 103.220 € e a súa Delegación de Alumnos 1.500 €.

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close