A pesar de ser gallego!

A miña avoa descendía dunha nobre familia onde os valores que se transmitían na educación dos fillos eran ríxidos e clasistas, mais había un elemento melancólico que se tornaba recorrente cando me falaba do noso tío Bernardino.

O tío Bernardino, don Bernardino Malvar Taboada, era un deses antergos colaterais que se entrecruzan na árbore xenealóxica do século XIX. Un segundón que non herdando o morgado familiar, tivo que buscar ocupación, e fíxoo no Congreso dos Deputados; resultando eleito deputado pola circunscrición electoral da Coruña dende 1843 ata 1853, e sendo nomeado Secretario do Congreso dos Deputados en 1849.

A miña avoa tiña ben claro que o pobo galego era diferente ao resto dos que habitan no Estado español, mais non era galeguista, nacionalista ou independentista. Votou á dereita dende que puido exercer o voto, esforzóuse para que os seus fillos empregaran o castelán como lingua vehicular -con escaso éxito, dito sexa de paso- e, con todo, sentíase orgullosa de saber que o seu tío Bernardino fora un defensor da lingua galega no Congreso dos Deputados, aínda que iso fora obxecto de chanza na prensa da época.

Así, conservou celosamente un anaco do xornal La Nación, publicado o 4 de novembro de 1849, que dicía o seguinte:

Captura de pantalla 2016-07-10 a las 23.25.13
La Nación (Madrid) 04/11/1849, páx. 4.

Certamente, somos poliédricos no pensamento político. As vivencias, as relacións persoais, as causas concretas… fannos conformar ideoloxía. E o enriquecedor está nos matices, que as máis das veces non son separadores por definición.

Foron moitas persoas as que seguiron a defender a identidade galega despois do tío Bernardino, e fixérono de moitas formas, custándolles incluso a propia vida, mais crendo en Galiza como suxeito político, como nación.

Que para comezar este sexa o mínimo máis máximo, non estaría nada mal.

 

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close