A Galiza futura.

A Alexandro, versionando unha carta que don Ramón Otero Pedrayo escribíu a Filgueira Valverde en 1931:

“Meu querido amigo, somentes che poño dúas letras. O tema polo que seguimos a traballar pode ser “A Galiza futura” ou algo polo estilo, faguendo unha maxinación encol do que sería a Galiza ceibe.”

Captura de pantalla 2016-06-04 a las 15.54.25
Acto de homenaxe no 113 aniversario do nacemento de Alexandre Bóveda en Ourense.

Foi a miña primeira vez, e así o recoñecín.

Tiña visto moitas veces ese xardín na céntrica Rúa da Barreira, coa estatua de Manuel Buciños que homenaxea a Alexandre Bóveda, mais dende logo, hoxe foi a primeira vez que intervín nun acto público alí e como secretario da súa Fundación.

Ao colocármonos fronte á casa natal de Alexandro faltaba el. O outro Bóveda; o seu fillo Xosé Luís. Mais, malia tan significada ausencia, alá onde queira que estea, Xosé Luís sempre nos seguirá acompañando.

O certo é que o Padroado da Fundación Alexandre Bóveda congratulóuse ao saber que alguén o ía representar no 113 aniversario do nacemento do seu persoeiro, porque o Concello de Ourense decidíu manter unha celebración que viña xa de antano; síntoma de que a sociedade ourensá vai gozando de saúde democrática na Corporación Local.

Porque non basta con expresar vontades políticas ou respectar pasivamente. Todas as persoas que traballaron incansábelmente por Galiza, polo seu autogoberno e polos instrumentos xurídicos que o fixeron posíbel deben ter un recoñecemento sincero, permanente e imborrábel.

Ao mesmo tempo, procedía facer referencia ao 80 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galiza, plebiscitado o 28 de xuño de 1936, e no que Alexandre Bóveda foi piar fundamental dende a redacción do seu Anteproxecto ata o desenvolvemento da Asemblea de Concellos que o habería de aprobar no Nadal de 1932.

Así, fixemos un anuncio: o vindeiro 28 de xuño a Fundación Alexandre Bóveda presentará unha solicitude para a creación dunha Comisión de Estudo no Parlamento Galego sobre a Memoria Democrática en Galiza, na que agardamos a colaboración de todos os grupos políticos -presentes na Cámara, ou non-.

Logo habemos saber como segue isto.

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close