Grupo Parlamentar Galego? Só con Nós!

No meu humilde ponto de vista, boa representante galega  é quen nada, ou non, en Galiza, sinte a realidade do territorio e sinte como súas as reivindicacións de todas as persoas que residimos nel. E que, ademáis de sentilo, toma as decisións políticas que promovan a mellora das nosas condicións de vida e que nos garantan uns servizos públicos e uns dereitos democráticos que nos permitan desenvolver unha vida digna no noso país, se así o queremos.

Isto non promove ningunha desigualdade con respecto a outros territorios e realidades, pero sí aproveita as nosas potencialidades colectivas, en favor de nós propios; sen querermos ir contra ninguén, en ningún caso.

Estamos a pouco máis dunha semana dunhas eleccións xerais onde imos poder decidir a conformación do Congreso dos Deputados e Deputadas e do Senado. Unhas eleccións xerais que van marcar un ponto de partida duns debates fundamentais, como é a reforma constitucional, o modelo de Estado, o concerto fiscal para Galiza, o Estatuto de vítima do feminicidio, a garantía do sistema de pensións, a carga de traballo para o naval, o prezo do leite, as cotas pesqueiras… Infinidade de temas que nos afectan no día a día; nas cousas de comer.

Durante a precampaña comecei a escoitar a esa “esquerda rupturista” dicir que permitiría formar grupo parlamentar propio aos deputados e deputadas galegas. Logo xa non era grupo, mais sí un subgrupo territorial… En definitiva, unha sucesión de reviravoltas políticas para dicirlle ás persoas votantes de opcións galegas que van estar ben representadas nas Cortes Xerais na vindeira lexislatura.

E ogallá fose certo!

Non quixera xulgar a intencionalidade política das formacións estatais, ou as coligadas con elas, mais o certo é que o Regulamento do Congreso dos Deputados, no seu Título II, e a respecto da formación dos grupos parlamentares establece dous criterios moi claros que quixera explicitar:

En primeiro termo; só poderán formar grupo parlamentar 15 deputados e deputadas -ou máis- que pertenzan a unha formación política ou a varias, co desexo de traballaren en conxunto, ou alomenos 5 deputados e deputadas que obtiveran o 15% dos votos en cada unha das circunscricións polas que se presentara a súa formación política, ou tamén o 5% dos votos no conxunto do Estado. (Artigo 23.1 RCD)

En segundo lugar; nunca; en ningún caso, poderán formar grupo parlamentar propio os deputados e deputadas eleitas nas catro circunscricións galegas que pertenzan a formacións políticas que na campaña electoral non fosen contrincantes. (Artigo 23.2 RCD)

Así, a lectura da normativa parlamentar lévanos de cheo a unha reflexión rotunda: só haberá representación parlamentar galega -ben como Grupo parlamentar, ben integrando o Grupo mixto- a través de Nós – Candidatura Galega; xa que os deputados e deputadas que acade non serán “absorvidos” por ningún outro grupo parlamentar de carácter estatal, como así pasará coas demáis opcións que se presentan en Galiza, de obteren representación parlamentar.

Porque quero que Galiza estea representada con voz propia no Congreso dos Deputados e Deputadas, eu vou con Nós – Candidatura Galega. Eu, sen dubidalo, vou con Carme Adán.

%d bloggers like this:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close