A Universidade da Coruña, maioritariamente orgullosa.

O pasado martes, 27 de Maio, tivo lugar unha nova sesión do Consello de Goberno na Universidade da Coruña, no que tratamos unha Declaración Institucional polo Día Internacional do Orgullo Lésbico, Gai, Transexual, Bisexual e Intersexual.

A priori poideramos pensar que se trata dunha desas simples declaracións institucionais que as máis das veces non son, nin sequera, declaracións de intencións. E quizais non sexa equivocado. O texto da declaración proposto por min como membro do órgano colexiado, contando coa complicidade d@s compañeir@s estudantes, non pasa de ser unha reflexión -máis ou menos atinada- sobre o papel da universidade no contexto social, sobre o avance que supón para a comunidade universitaria a aprobación da Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza e sobre a igualdade, non só por razón de sexo senón tamén por razón de orientación sexual, como Dereito Humano universal.

Poideramos pensar que a universidade, como institución de coñecemento, da nos seus órganos de goberno debates de altura cando se trata de temas susceptíbeis de perturbar as ideoloxías máis conservadoras. Non é así. No debate desta Declaración Institucional houbo catro voces lexítimamente discordantes: dúas entre o Profesorado e outras dúas entre @s representantes do Consello Social.

En canto ao Profesorado, pretendendo unha emenda á totalidade enfatizóuse o carácter universal dos Dereitos Humanos, evidenciando que os disturbios de Stonewall do 28 de Xuño de 1969, verdadeira cuna das reivindicacións LGTBI no mundo moderno, foron nimiedades fronte ao único feito que verdadeiramente causou o avance: A Declaración Universal dos Dereitos Humanos do 10 de Decembro de 1948.

Máis curiosa, sen dúbida, é a postura tomada por dous dos representantes do Consello Social, quenes no momento de debater e aprobar o I Plan de Igualdade entre mulleres e homes da UDC, así como o Protocolo para a prevención e protección fronte ao acoso sexual e acoso por razón de sexo ficaron calados. Desta volta decidiron que era o momento de introducir no debate argumentos de altura como a impertinencia do asunto e a reivindicación doutra Declaración Institucional polo Orgullo Heterosexual.

E aquí é onde quería chegar: a pertinencia. A igualdade na diversidade debe ser obxecto de demanda social constante, sen concesións de ningún tipo; e para isto é precisa a iniciativa cidadá, mais tamén as accións e as políticas públicas. Aprobando esta declaración, a Universidade da Coruña comprometéuse a desenvolver unha labor proactiva na loita contra a LGTBIfobia.

E, con todo, grazas á matización do Catedrático de Dereito, José Manuel Sobrino Heredia; á abstención da membro do Consello Social, Nona Inés Vilariño Salgado e ao voto en contra da Profesora de Arquitectura, Inés Pernas Alonso e do membro do Consello Social, José Venegas Alonso, a Universidade da Coruña está maioritariamente orgullosa. É un primeiro paso.

06/06/2014

Publicado como artigo de opinión no dixital Sermos Galiza

%d bloggers like this:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close