Redistribuímos as bolsas propias na UDC!

A Vicerreitora de Estudantes, María José Martínez, xa hai un tempo que nos tiña proposto @s representantes de estudantes no Consello de Goberno abordar a redistribución das bolsas de formación propias da Universidade da Coruña.

Logo dunha xuntanza, á que asistimos 6 dos 8 membros, tratamos de analizar a situación actual cos tres tipos de bolsas formativas: Formación complementaria, Departamentos e Bibliotecas. Así, até o momento tiñamos:

  • 94 bolsas de Formación complementaria a 360 €/mes, 8 h/semana, cunha duración de 9 meses.
  • 86 bolsas de Departamentos a 253,28 €/mes, 8 h/semana, cunha duración de 6 meses.
  • 20 bolsas de Bibliotecas a 182,20 €/mes, 6 h/semana, cunha duración de 6 meses.

O fallo da Sala 3ª do Tribunal Supremo, na súa Sentenza do 21 de Maio do 2013, anulou o Real Decreto 1707/2011, de 18 de Novembro, polo que se regulaban as prácticas académicas externas dos estudantes universitarios; porén a Universidade da Coruña tivo que asumir con cargo ao orzamento xeral de 2013 a contía da cotización á Seguridade Social dos estudantes bolseiros en formación.

Esta situación fixo preciso un axuste de cara á convocatoria do Curso 2014/2015, que -previsíbelmente- se aprobará no Consello de Goberno do vindeiro 27 de Maio. A proposta que se consensuou parte da premisa de non reducir nin unha bolsa @s estudantes, nivelando o máximo posíbel as contías tan desiguais que viñan percibindo @s bolseir@s, quedando así:

  • 114 bolsas de Formación complementaria a 250 €/mes, 8 h/semana, cunha duración de 9 meses.
  • 86 bolsas de Departamentos a 250 €/mes, 8 h/semana, cunha duración de 6 meses.
  • 0* bolsas de Bibliotecas a 250 €/mes, 8 h/semana, cunha duración de 6 meses.

[* As bolsas de Bibliotecas elimínanse con carácter xeral na Convocatoria  2014/2015, deixando só 6 bolsas adscritas ás titulacións nas que a utilización da biblioteca é fundamental nas Facultades de Ciencias da Educación e Filoloxía (Campus da Coruña) e Información e Documentación (Campus de Ferrol).]

Deste xeito, o orzamento adicado ás bolsas da UDC non diminúe ao facer a previsión de 439.038,24 €, sumándolle 19.582,08 € retidos para o pagamento da Seguridade Social d@s bolseir@s.

Con todo, advertimos na Comisión de Extensión Universitaria de onte, 23 de Maio, que o Orzamento Xeral da UDC para o ano 2015 deberá conter, ineludíbelmente, a previsión do gasto para a vindeira Convocatoria de Bolsas propias, correspondente coa plurianual 2015/2016, de tal xeito que o estudantado non vexa diminuída a inversión da universidade nas bolsas propias ás que concorre.

Por unanimidade d@s membros presentes na Comisión, acordamos manter o criterio académico do 30% dos créditos superados e que as bolsas vaian dirixidas @s estudantes dos Graos, entendendo que non discrimina @s estudantes dos Mestrados, por teren éstes axudas propias máis substanciosas.

%d bloggers like this:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close