O Ministerio de Educación espreme ao estudantado procurando cartos de bolsas seica fraudulentas.

Nesta sesión do Consello de Goberno intervín nos puntos 4 e 15 da Orde do Día.

No punto 4, que trataba a aprobación -se proceder- do Regulamento do CITEEC, porque ás 9,10h do mesmo día se nos remitiu @s membros do pleno un correo-e dende a Secretaría Xeral informándonos de que estaba ao noso dispor un anexo ao propio Regulamento do CITEEC, sen que se nos enviara o documento en formato .pdf ou incluso unha ligazón ao propio documento. Solicitei que, sendo unha causa sobrevida que pode ocorrer, en vindeiras ocasións se nos faga chegar de calquera destes dous xeitos para podermos revisar o/s documento/s aínda no propio pleno do Consello, tendo en conta que éste deu comezo ás 9,30h.

O Reitor así o asumiu, tomando nota do pedimento.

O punto 15, quenda aberta de intervencións, recolleu tamén a demanda que formulei en relación ao Informe do Valedor Universitario. Nel contense un caso denunciado por un grupo de estudantes sobre varios expedientes de reintegro de parte ou da totalidade das bolsas do MECD para cursar o Mestrado de Profesorado.

Entendendo que é unha problemática controvertida, o propio Valedor Universitario explica que observa unha implicación directa da Universidade nesta cuestión, habida conta de que a motivación do reintegro que esixe o MECD vén dado polo recoñecemento e transferencia de créditos das materias dos Graos ao Mestrado, trámite que o estudantado realizou de boa fe. O que o Ministerio obvia así é o principio administrativo de relacións entre as Administracións Públicas, que é a verdadeira causa do malentendido, ao teren concedidos os recoñecementos e transferencias de créditos logo de ter solicitado a bolsa ao MECD, mais moito antes de térselle concedido por éste, evidenciando unha falla de cooperación administrativa e institucional que o único que provoca é unha indefensión ao estudantado afectado. Finalmente preguntéille á Vicerreitora de Estudantes, Deportes e Cultura, María José Martínez, se sabía desta situación e qué medidas estaba a tomar ou ía tomar a Universidade perante o Ministerio.

E sobre a posta en funcionamento da Tenda UDC, preguntéille tamén se ía seguir incorporando material á venda ou non tiña previsión.

A Vicerreitora contestóume, á primeira cuestión, que a Universidade tiña coñecemento dos feitos e que estaban a facer todo o posíbel por mediar entre o MECD e @s estudantes afectad@s, tentando algunha solución, aínda cun panorama complexo; e á segunda cuestión, que dada a alta venda dos suadoiros que se ofertan na tenda web, váise editar unha tirada de material para ir ampliando o material corporativo que se poida por á venda.

%d bloggers like this:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close